28.10.13

CELEBRACIÓN DE XORNADAS MICOLÓXICAS NO BUIO


EXITOSA ACOLLIDA DAS Iª XORNADAS MICOLÓXICAS E GASTRONÓMICAS DE COGOMELOS ORGANIZADAS POLO COLECTIVO FRAGA DAS SAÍMAS EN COLABORACIÓN CO ESPAZO AGROECOLÓXICO ESTRUGA

O Centro Socio-cultural de Santo André de Boimente ven de acoller con grande éxito de participación as  Iª Xornadas Micolóxicas e Gastronómicas de Cogomelos no Buio que organizou o colectivo de mulleres Fraga das Saímas en colaboración co espazo agroecolóxico Estruga.


As/os vintecinco participantes destas I Xornadas Micolóxicas déronse cita  ás 10.00 horas do sábado 26 de outubro no Centro Socio-cultural de Santo André de Boimente, onde foron recibidos pola Directiva Fraga das Saímas e o Biólogo de Estruga, Marcos Besada. Logo das presentacións a Micóloga e Licenciada en Ciencias Ambientais (Rita Cid) expuxo ao longo de dúas horas as nocións teóricas básicas sobre algunhas das 165 diferentes especies de cogomelos e champiñóns existentes en Galicia, e durante a cal os participantes aproveitaron para facerlle a esta experta toda tipo de preguntas, consultas e curiosidades sobre o mundo da micoloxía. 




Rematada a charla o grupo partiu cara aos montes do Buio e Lerín para poñer en práctica o aprendido e coñecer  de primeira man a riqueza micolóxica  e valor ambiental destes montes veciñais. 

Logo de estar recorrendo diferentes vereas dos Montes do Buio ao longo de catro horas, cunha pequena parada para xantar no Refuxio do Candaoso, o grupo de aficionados á Micoloxía voltaron ao Centro Socio-Cultural para, un grupo dos participantes e da man da Micóloga Rita Cid, seleccionar as variedades recollidas e montar unha pequena exposición cos exemplares recolectados e outro grupo, da man do Biólogo Marcos Besada, proceder á limpeza e preparación de diferentes pratos de cociña preparados a base de boletus edulis, Macrolepiotas, Cantarelas e Boletus Bayo, para a degustación culinaria que pechou con grande éxito e satisfacción por parte dos asistentes ás I Xornadas Micolóxicas organizadas polo colectivo de mulleres de Sto. André de Boimente, as cales aproveitaron para emplazar a todos a unha vindeira edición no outono do 2014.



A exposición temporal de Cogomelos (con variedades comestibles e tóxicas), que permanecerá ata xoves 31 de outubro no Centro Socio-Cultural, está composta por coprinus comatus (apagavelas), Araricus SP (champiños de monte), Amanita ruscens (amanita vinosa), xerocomus badius (boletus bayo), suillus bovinus,  Rúsula SP, Macrolepiota procera (lepiota), Sparassis crispa (colifror de monte), boletus erythropus , Leccinun scabrum (boleto das bidueiras), Boletus edulis, Lycoperdum SP, Scleroderna SP, Puxillus involutus , Lactarius deliciosus, Chysorrheus sp, Hydnum repundum (lingua de vaca), Amanita rubescens (amanita vinosa), amanita muscaria, Amanita vaginata (amanita sen anel), entre outras.

Xa para rematar, dicir que a nota discordante do día púxoa a presenza de certos grupos de persoas nos Montes do Buio cuxo único propósito non é outro que a especulación e comercialización das setas, co conseguinte expolio por parte destes foráneos que veñen a facer negocio cos cogomelos, facendo uso indebido dos montes da comunidade veciñal de San Andrés de Boimente e co argumento demagóxico de que o monte é de todos, co conseguinte total desprezo  aos comuneiras e comuneiros dos montes veciñais que lles solicitan explicacións dos seus actos, créndose ademais que os amparan todos os seus dereitos individuais para invadir e expoliar os montes con total impunidade.

A Directiva Fraga das Saímas congratúlase  e da a benvida a todas as persoas amantes da natureza e aficionados á micoloxía que veñen a gozar dun xeito respetuoso dos montes do Buio e aproveitan para recoller cogomelos para o seu autoconsumo e anímanos a seguir visitando as fermosas paraxes que conforman estes montes, mais expresan o seu profundo malestar e rexeitamento contra a recollida incontrolada de cogomelos con fins puramente comerciais, cousa que, desgrazadamente, está a acontecer nos últimos anos nos seus montes veciñais.





No hay comentarios: