18.11.13

VI EDICIÓN DA FESTA DO MAGOSTO: TOMA CASTAÑAS!

O actor e cómico Pedro Brandariz alegrou a noite coa súa actuación “P.G.U. un espéctaculo para grandes persoas” aos máis de oitenta magosteiros da Fraga das Saímas.

CALUROSA ACOLLIDA DOS ASISTENTES Á VIª FESTA DO MAGOSTO DA FRAGA DAS SAÍMAS AOS GAÑADORES DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA imaxesRAPAcandoaso2013 DURANTE OS ACTOS DE ENTREGA DE DIPLOMAS E A INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA

A tarde-noite do sábado 16 de novembro o Centro Socio-Cultural de Sto. André de Boimente acolleu a 6ª edición do Magosto da Fraga das Saímas. Unha edición moi especial, na que un dos actos centrais foi a entrega de diplomas aos premiados no concurso fotográfico imaxesRAPAcandaoso2013 e a inauguración da exposición deste certame fotográfico.

Esta celebración deu comezo ás 19.00 h. coa intervención da presidenta da Asociación, Flor Chao, que deu a benvida as socias, veciños e convidados, agradecéndolles a súa presenza e a súa participación na festa magosteira, que tal como lles recordou a presidenta “..Os aquí presentes estades de noraboa pois como sabedes din as crenzas populares que .quen non asiste a esta celebración corre o perigo de perder a razón…”

Logo da benvida, As membros da directiva da Fraga das Saímas e o gañador do Iº Concurso de Debuxo e Pintura do ano 2009, Brais Vázquez, fixeron acto de entrega dos diplomas aos premiados do concurso imaxesRAPAcandaoso2013: o sarriano José Regueiro (1º premio), o santiagués José López (2º premio), a asturiana Mª Ángeles Lago (3º premio) e os viveirenses Francisco López e Germán Paleo (4º e 5º accésits) e aos que a Presidenta agradeceu publicamente a súa presenza e o seu esforzo por viaxar varias horas ata Santo André de Boimente para acompañarnos durante a festa do Magosto e na inauguración da exposición fotográfica imaxesRAPAcandaoso e na entrega de diplomas, como mostra do seu recoñecemento ao traballo e á organización de iniciativas como estas do colectivo de mulleres Fraga das Saímas. Según palabras trasladadas á presidenta polos premiados.

Rematada o acto de entrega de diplomas, a presidenta pasoulle a testemuña a Pedro Brandariz, un dos cómicos galegos máis emerxentes e máis populares da nosa xeografía, que logrou arrancar as carcalladas do público durante a súa actuación: P.G.U., un espectáculo para grandes persoas.


E cando os convidados xa estaban fartos de risa a Directiva convidou aos máis de oitenta veciñas/os a seguir a festa de troula para que tamén se fartasen do magosto popular Toma Castañas!, preparado a base de castañas asadas, chourizos e lacóns. E todo isto acompañado cun viño da terra, refrescos, café e postre.

Este ritual popular e ancestral prolongouse ata a 01.00 h. da madrugada, onde os máis festexeiros bailaron ao son da música do Dúo Dilema que fixeron as delicias do público.