20.1.14

CURSO DE INICIACIÓN Á PODA ORGANIZADO POR ESPAZO AGROECOLÓXICO ESTRUGA



O CENTRO SOCIO-CULTURAL DE STO. ANDRÉ DE BOIMENTE ACOLLEU ESTA FIN DE SEMANA O CURSO DE INICIACIÓN Á PODA ORGANIZADO POR ESPAZO AGROECOLÓXICO “ESTRUGA”, COA COLABORACIÓN DA ASOCIACIÓN DE MULLERES “FRAGA DAS SAÍMAS”

O espazo agroecolóxico ESTRUGA ven de organizar por terceiro ano consecutivo un Curso de Iniciación á Poda.

Logo de desenvolver este curso, en anos anteriores, nas parroquias de Valcarria e Galdo, o espazo agroecolóxico Estruga elixiu a parroquia de Santo André de Boimente para organizar a súa 3ª edición coa colaboración do colectivo de mulleres da Fraga das Saímas, que puxo a disposición de Estruga o salón de actos do seu Centro Socio-Cultural, onde se impartiu a parte teórica deste curso de iniciación á poda.

Este curso, que se impartiu o sábado 18 de xaneiro, deu comezo ás 9.30 horas. Durante dúas horas as dezaoito persoas asistentes aprenderon de maneira moi didáctica e sinxela que tipos de poda existen, que época é a mellor para lévala a cabo, os tipos de útiles de poda e o seu mantemento, tendo ocasión tamén de facer todo tipo de consultas e plantexar as súas dúbidas ao monitor deste curso, o enxeñeiro agrónomo de Viveiros Daplanta, que aproveitou para darles algúns consellos prácticos moi útiles e algún que outra “receita caseira” para o coidado das árbores froiteiras.

Logo dunha pausa café as/os alumnas/os visitaron a finca de Adelina Lorenzo, vogal da Directiva Fraga das Saímas, e do noso veciño Manolo da Lama que moi amablemente puxeron as súas froiteiras a disposición de Estruga e seu monitor para que  puideran explicarar sobre terreo como se debe facer a poda de árbores froiteiras como maciñeiras, pereiras, moreiras, figueiras, cerolleiros, claudieiras, laranxeiras, limoeiros,  caquis, nísperos, entre outras. Esta visita, na que o monitor do curso aproveitou para  dar tamén unhas referencia básicas sobre algunhas técnicas de enxerto nas diferentes variedades de froiteiras,  rematou pasadas as 14.00 horas.